CRTVG

Buscar

Guaidó regresa a Venezuela e chama á manifestación

Publicado o 05/03/2019 13:35

O líder da oposición venezolana, Juan Guaidó, ten hoxe previsto reunirse con sindicatos e funcionarios. Nin a Fiscalía nin o Supremo adoptaron ningunha medida tras o seu regreso ao país, do que marchou sen permiso. Dixo que seguirá loitando contra o chavismo e convocou unha nova mobilización para o 9 de marzo, sábado. 

Polas rúas de Caracas, centos de seguidores recibiron a Guaidó para reavivar a presión contra o chavismo. Cun novo chamamento ás Forzas Armadas, o líder da oposición prometeu seguir loitando ata lograr a caída de Maduro. Hoxe vaise reunir con sindicatos e traballadores públicos e para o sábado convocou unha nova manifestación con mobilizacións por todo o país.

Juan Guaidó: "Ameazáronnos a todos os que estamos aquí, con cárcere, coa morte. Dígolles algo. Non foi a través da persecución, non vai ser a través da ameaza que nos van deter. Aquí estamos e estamos máis fortes e unidos ca nunca".

Mentres, Rusia e Cuba meten presión para evitar unha intervención militar en Venezuela, fronte ao que consideran unha toma de posicións no Caribe de tropas norteamericanas e a idea de que a axuda humanitaria estaría a camuflar unha invasión.

As forzas chavistas non detiveron a Juan Guaidó, a pesar da orde xudicial que lle impedía deixar o país, evitando que a presión de Estados Unidos e outros países recrúe. A vicepresidenta de Venezuela, Delcy Rodríguez, indicou que as autoridades están a analizar a situación de Guaidó e que tomarán medidas apropiadas.

Noticias web

05/03/2019