CRTVG

Buscar

Guaidó denuncia actos de intimidación á súa familia por parte da policía bolivariana

Publicado o 01/02/2019 08:48

O presidente da Asemblea Nacional venezolana, Juan Guaidó, denunciou que a policía bolivariana foi á súa casa para preguntar pola súa muller, no que considera un novo acto de intimidación e persecución do réxime chavista. Traballadores da petroleira venezolana marcharon en apoio a Maduro.

Juan Guaidó acudía á Universidade central de Venezuela para presentar o chamado Plan País, un paquete de medidas de urxencia no Goberno de transición que pretende pilotar. Alí denunciaba o intento das forzas especiais da policía venezolana de entrar na súa casa para, supostamente, interrogar a súa muller.

Guaidó: "Nestes momentos, as FAES están na miña casa preguntando por Fabiana. Esta información déronma antes de entrar aquí".

Guaidó acudiu ao seu domicilio, onde estaba a súa filla de 20 meses. O líder da oposición fai responsable a Nicolás Maduro do que a partir de agora lle poida pasar á súa familia.

Guaidó: "Non van poder coa familia venezolana".

O presidente da Asemblea Nacional di que o sucedido é máis ca mostra da represión que, asegura, vive Venezuela. E engade que, con máis forza ca nunca, continúa co seu plan de configurar un goberno interino e convocar eleccións. Para logralo pide a máxima colaboración internacional, incluída a de Rusia e da China.

Guaidó: "Maduro non protexe Venezuela nin os investimentos. O que máis lle interesa a Rusia e á China é a estabilidade e o cambio de goberno".

Nas últimas horas, os traballadores da compañía estatal Petróleo de Venezuela, PEDEVESA, participaban nunha marcha en apoio ao presidente Nicolás Maduro. Un acto en que participou a vicepresidenta Delcy Rodríguez, quen acusou a Guaidó de ser un monicreque dos Estados Unidos, só interesados na riqueza do país, dixo.

Delcy Rodríguez: "Fóra os ianquis do petróleo venezolano".

A oposición convocou para mañá unha gran manifestación contra Maduro, no día antes en que remata o prazo que lle deron desde Europa para que convoque eleccións presidenciais.

Noticias web

01/02/2019