CRTVG

Buscar

Guaidó convoca protestas para mañá contra a detención de Edgar Zambrano

Publicado o 10/05/2019 09:14

O presidente do Parlamento venezolano, Juan Guaidó, convoca unha nova xornada de folga para mañá en Caracas como protesta pola detención do vicepresidente da Asemblea, Edgar Zambrano, e o procesamento doutros nove deputados. Os Estados Unidos esixiron a liberación inmediata do político opositor.

A familia de Edgar Zambrano denuncia que o deputado está incomunicado e que non saben nada del desque o Servizo Bolivariano de Intelixencia o detivera ás portas da sede do seu partido, Acción Democrática. Diante do edificio do Sebin, a súa filla esixiu a súa liberación e denunciou o que chamou vaga de persecución contra a oposición en Venezuela.

"Minutos antes de que sucedese o que sucedeu, comunicouse comigo. E díxome unhas palabras que teño na miña mente: filla, vostede sabe quen é o seu pai. Un demócrata que non se axeonlla perante ninguén. O meu pai está dando parte da súa vida por defender Venezuela, a democracia e a liberdade. Moi axiña non só se fará xustiza para nós. Tamén se fará xustiza para aqueles que obran mal", dixo Soley Zambrano, filla do deputado detido. 

O presidente da Asemblea Nacional convoca novas protestas para mañá. Juan Guaidó fala de terrorismo de Estado e golpe ao Parlamento.

"Isto foi parte do desmantelamento do Estado de Dereito en Venezuela. Se podemos falar dun golpe de Estado, aqui está. O desmantelamento do Parlamento nacional. Cal é a única ferramenta que empregaron durante anos? A persecución, o terror, o terrorismo de Estado en definitiva", dixo Guaidó. 

A Organización de Estados Americanos, o Grupo de Lima mais a Unión Europea pediron a liberación inmediata de Zambrano e aseguraron que o seu arresto é unha violación flagrante da Constitución venezolana.

Tamén os Estados Unidos considera a detención de Zambrano un "acto inaceptable e ilegal". Nun comunicado, o secretario de Estado, Mike Pompeo, esixe a súa liberación inmediata.

E mentres, o resto dos deputados aos que a Asemblea Constituínte lle retirou a inmunidade buscan refuxio. O deputado Richard Blanco, do partido Alianza Bravo Pueblo, pediu protección como hóspede na embaixada da Arxentina en Caracas. O deputado Américo de Grazia refuxiouse na de Italia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/05/2019