CRTVG

Buscar

Guaidó convoca a AN para mañá e denuncia que Parra foi elixido ilegalmente e sen quorum

Publicado o 06/01/2020 12:16

Guaidó anuncia para mañá unha sesión ordinaria da Asemblea Venezolana, na que espera clarificar o último episodio da loita de poderes na que está inmersa o país. Denuncia que o deputado Luís Parra foi elixido co apoio do chavismo, pero nunha sesión ilegal e sen quorum na que non se lle permitiu entrar aos detractores de Maduro.

Este video, portada en medios de comunicación de todo o mundo, difundiuno o equipo do propio Guaidó. Véselle agatuñando polo valado para tentar acceder á Asemblea Nacional. Denuncia así que as forzas de seguridade chavistas lle impediron a entrada, a el e ao resto de opositores. Mentres dentro proclamaban presidente da asemblea a Luís Eduardo Parra.
Apartado do partido opositor Primero Justicia por acusacións de corrupción, o deputado xurou o cargo nunha sesión bronca e confusa, despois de conseguir o apoio do chavismo e de sectores disidentes da oposición.

Guaidó denuncia que foi un novo golpe ao parlamento, unha elección irregular e sen quorum e polo tanto inválida. Convoucou unha sesión paralela da asemblea na sede do xornal El Nacional, na que el mesmo volvía resultar reelixido co apoio de 111 deputados

México e Arxentina denunciaron o bloqueo do parlamento por parte das forzas de seguridade, pero o Nicolás Maduro apresurouse en recoñecer a autoridade de Luís Eduardo Parra.

Guaidó convocou unha sesión ordinaria da Asemblea Nacional para mañá martes.

Noticias web

06/01/2020