Guaidó asegura que burlarán o bloqueo da axuda humanitaria
A entrada da axuda humanitaria en Venezuela segue bloqueada nunha das pontes con Colombia pola que se prevía enviar un primeiro cargamento de alimentos e medicinas. O chavismo deixou claro que non está disposto a que chegue unha axuda que considera unha manobra para intervir no país, e a oposición di que non quedará de brazos cruzados.
A crise aberta en Venezuela vai ser tratada hoxe na xuntanza que celebran en Montevideo a Unión Europa, México e O Uruguai, que buscan un diálogo que evite calquera opción violenta. Pero esta disposición a dialogar é algo que xa non convence á oposición que esixe a saída de Maduro e que entende que sentar a falar con el só alongará o sufrimento da poboación.
O senado estadounidense tratou de consensuar un texto de apoio a Guaidó, pero non foi posible pola esixencia dos demócratas de desmarcarse de Trump e prohibir explicitamente o uso da forza militar para apartar a Maduro do poder.