CRTVG

Buscar

Grupos independentistas piden investigar no Congreso se houbo conexión entre González e o GAL

Publicado o 18/06/2020 17:54
Grupos independentistas piden investigar no Congreso se houbo conexión entre González e o GAL

As formacións independentistas representadas no Congreso (ERC, EH Bildu, JxCat e a CUP), ás que se uniron o PNV e o BNG, rexistraron este xoves unha proposta para crear unha comisión de investigación sobre os posibles vínculos que Felipe González tivo coa orixe e desenvolvemento do GAL

Este é o obxecto da investigación que faría a comisión, que analizaría, por tanto, a implicación do ex-presidente no proceso de creación deste "grupo armado", en palabras dos grupos solicitantes, e o coñecemento que tiña das súas accións

Son dous dos ámbitos que ERC, EH Bildu, JxCat, a CUP, o PNV e o BNG piden esclarecer no texto da petición, así como a "veracidade" da documentación da CIA que, como publicou o diario 'La Razón', relacionaría o mandatario socialista coa xénese e actividade dun grupo concibido para contrarrestar a ETA

Os grupos tamén queren saber se os gobernos de Felipe González participaron en accións do GAL ou se houbo decisións encamiñadas a encubrir o que este grupo facía. Para os grupos independentistas, así como para o PNV e o BNG, hai que aclarar todas estas posibilidades. 

Os asinantes expoñen que esta comisión, se se crea, o que tería que decidir o pleno do Congreso previa aceptación da proposta pola Mesa, traballe durante seis meses prorrogables para redactar un informe con conclusións

O informe sustentarase nas achegas dunha serie de comparecentes, aos que chamaría a Comisión se nos campos político, civil, penal ou administrativo tivesen relación co obxectivo da investigación. 

A iniciativa parte dunha información publicada hai poucos días segundo a cal a CIA, nos 80, conectou a González coa creación do GAL. O informe que así o indicaría foi recentemente  desclasificado.