Grupo Riesgo prevé investir 250 millóns na Coruña e Avilés e di que as plantas son viables
O Grupo Riesgo, que adquiriu unha parte maioritaria de Alu Ibérica, garantiu o mantemento do emprego nas plantas de Avilés e A Coruña, anteriormente propiedade de Alcoa, e asegurou que prevé realizar en cinco anos un investimento de 250 millóns de euros nas instalacións. Nun comunicado, Riesgo trasladou "unha mensaxe de confianza a traballadores e institucións" porque "non modificará ningún dos acordos" establecidos o pasado mes de xullo no acordo de venda de Alcoa ao fondo Parter, e por tanto "manterá os postos de traballo".
Primeiro prevé investir 20 millóns de euros comprometidos por Alu Ibérica, para logo seguir un plan a cinco anos por un importe global duns 250 millóns de euros co obxectivo de situar o Grupo Riesgo "como o polo industrial líder do aluminio verde no sur de Europa", afirma. Á fronte das plantas situarase "un equipo profesional de longa e probada experiencia industrial e profundo coñecemento da actividade e os seus mercados", que está convencido da "plena viabilidade" do proxecto, polo que pediu o apoio dos sindicatos "para traballar conxuntamente".
Con todo, a empresa admite que Alu Ibérica "segue tendo un problema co alto custo eléctrico", polo que mantén a confianza "de que se cumpran os compromisos gobernamentais de contar con custos eléctricos estables, competitivos e predicibles" para a industria electrointensiva. Por iso, reclama ao Goberno aprobar o proxectado estatuto para a industria electrointensiva co obxectivo de solucionar "a desvantaxe competitiva" da industria española fronte á doutros países.