O gromo de Sarria esténdese a Láncara e Samos, e faise outro cribado para controlalo
O gromo detectouse inicialmente nunha granxa de Sarria este mércores, con cinco afectados; o domingo o gromo espallouse e xa hai unha vintena de afectados entre a granxa orixinaria e outras dúas granxas de Samos e Láncara. Para multiplicarse tan axiña, o virus tivo ao seu favor o feito de que varios contactos directos de persoas infectadas non acudiron a facer os cribados a que estaban citados. Para evitar que continúe a transmisión, Sanidade citou por segunda vez os convocados que non se presentaron ao primeiro cribado.
Sarria foi unha vila especialmente tocada pola covid−19 na terceira vaga, cando se infectaron practicamente a totalidade dos internos dunha residencia municipal. Por iso, os veciños están moi sensibles coas condutas insolidarias.
Malia que son voluntarias, Sanidade fai un chamamento para que os convovcados vaian facer as PCR, aínda que non teñan síntoma ningún, para evitar así que o virus siga transmitíndose.