CRTVG

Buscar

As xuntanzas familiares provocan varios gromos en Galicia

Publicado o 15/01/2021 11:23

A falsa seguridade que nos dá estar coa familia trae de novo consecuencias. A celebración dun bautizo deixa varios contaxios en Monforte e Sarria. "É da familia, cremos que non vai pasar nada e relaxámonos", apunta unha veciña. "Non te dás conta de que podes ter o virus e non sabelo, fas PCR, pero se o están incubando non o sabes", asegura outra.

De momento confirmáronse sete casos positivos, pero continúa a realización de probas e o rastrexo de contactos. Medio cento de persoas están en corentena. "Vimos de recoller as nenas porque hai positivos no colexio", contounos outra muller.

Non é o único gromo consecuencia das celebracións do Nadal. Na Illa de Arousa detectouse outro tras unha reunión de curmáns. Foise espallando e xa deixa 33 casos de covid−19.

"Xuntáronse nunha casas e veu xente de fóra e doutras localidades próximas", explica unha veciña da Illa. Outra asegura que deberían sancionar os participantes na reunión.

En Pontecesures un encontro familiar deixa 15 casos máis. As autoridades sanitarias fan un chamamento a cumprir as prohibición de que se xunten maís de catro persoas. Preocupa que co peche da hostalaría ás seis da tarde os domicilios particulares se convertan en lugares de reunión.

Denuncian unha festa con 21 persoas en Narón

A policía denunciou 14 adultos que, xunto con sete menores, celebraron unha festa de aniversario nunha vivenda unifamiliar na parroquia de Xuvia. Foron os propios veciños os que alertaron de que na festa se incumprían as restricións vixentes no concello de Narón sobre o límite de persoas que poden reunirse.

As autoridades sanitarias alertan de que, ademáis de estaren prohibidas, as reunións familiares deste tipo están sendo un importante foco de contaxio.

Noticias web

15/01/2021