CRTVG

Buscar

Griñán e Chaves coñecían as irregularidades que levaba a cabo a consellería de Traballo nos ERE

Publicado o 20/11/2019 14:29

A sentenza consta de máis de 1.800 páxinas que, con todo, só se refiren á peza política desta macrocausa de corrupción, a que afecta os altos cargos dos gobernos socialistas da Junta de Andalucía. Contámoslles deseguido as claves que levaron a Audiencia de Sevilla a condenar 19 dos 21 acusados.

O sistema de subvencións que a Junta de Andalucía tiña para axudar empresas en apuros chocaba cos mecanismos de control da normativa europea. Por iso, explica a sentenza, a Consellería de Traballo deseñou un sistema máis áxil que non alterase o que o Goberno andaluz chamaba a paz social. Comezaron daquela a transferirse cartos ao denominado Instituto de Fomento de Andalucía, cuxos fondos quedaron en mans do director xeral de Traballo, Francisco Javier Guerrero, quen, malia non ter competencias para conceder subvencións, comezou a repartir os cartos sen ter sequera que dar conta de quen os recibía.

A sentenza considera probado tamén que os presidentes Chaves e Griñán, que antes foi conselleiro de Facenda, estaban ao tanto das irregularidades que se estaban a cometer. En total, a Dirección Xeral de Traballo manexou 680 millóns de euros só entre os anos 2000 e 2009. 77 empresas recibiron unha parte, pero sen que mediasen as pertinentes convocatorias públicas que se esixen a calquera subvención, nin se publicitase con posterioridade a concesión das axudas. Iso prexudicou, di o tribunal, un importante número de compañías en crise e traballadores en paro. O resto dos cartos destinouse a fins completamente alleos ao eido empresarial, como campañas publicitarias ou ata 16 mostras de artesanía.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/11/2019