Greenpeace pide a Ence ser "realista" e planificar o peche en Pontevedra

EFE
A organización ecoloxista Greenpeace pediu este venres á empresa Ence que sexa "realista" e, tras a sentenza da Audiencia Nacional que anulou o seu permiso para ocupar terreos de Costas en Pontevedra, que planifique "de inmediato" o seu peche.
Greenpeace, que presentou un dos dous recursos contra a prórroga concedida a Ence ata 2073, entende que "independentemente de que se poida trasladar a outro lugar ou non" a sentenza obriga a pasteira a abandonar o seu proxecto industrial actual.
"Hai actividades que segundo a lei de Costas non poden estar en dominio público, iso deixa claro o fallo da Audiencia Nacional", sinalou o seu coordinador en Galicia Manoel Santos.
Ence, segundo Santos, tivo "moito tempo" para tratar un posible traslado e para protexer de maneira "efectiva" os empregos que xera, "pero non quixo" e preferiu empregar, engadiu, "outras tácticas cando menos discutibles".
A este respecto, o coordinador galego de Greenpeace reclamou á empresa que "deixe de tentar cambiar leis ao seu gusto" e de fichar políticos para o seu consello de administración.
Ademais, a organización interpelará á Xunta e ao Goberno de Estado para que comecen a facer os estudos "pertinentes" para recuperar a marisma de Lourizán, na que se asenta a fábrica de Pontevedra, "e restaure así o desastre xerado nos últimos 60 anos".
Para Greenpeace, o fallo da Audiencia Nacional é unha "fabulosa noticia". Entenden que, en canto sexa firme, pode ser "moi relevante" para outros casos de actividades "lesivas" que, pola súa natureza, "non teñen por que estar en dominio público".
"Non cremos que isto poña en perigo outro tipo de actividades e empregos, especialmente as relacionadas co complexo mar-industria, pois moitas si parece obrigado que se realicen a pé de mar", apuntou Manoel Santos.