CRTVG

Buscar

Green Friday: a alternativa ao consumismo Venres Negro

Publicado o 29/11/2019 19:53

E fronte ao Venres Negro, o Venres Verde, unha proposta do Movemento Galego polo Clima que promove o troco fronte a un consumismo desmedido que ameaza o futuro do planeta. A dinámica é sinxela: mercados onde intercambiar obxectos en lugar de compralos.

Un futuro verde fronte ao negro do Black Friday. É a lóxica que manexa este mercado no que non se precisan moedas: "Ti traes, danche uns vales, e con eses vales pódelos cambiar polo que queiras", explica un usuario.

Roupa, abalorios ou xoguetes van cambiando de man neste mercado no que a cultura é a que máis saída ten.

 "Este é un libro de Exipto, bastante completo... Neste tipo de mercados podes atopar libros de todo tipo", comenta un mozo que canxeou libros.

Neste mercado de troco organizado pola asociación Sustinea, en Ourense, non se forman as colas que observamos no Blak Friday, pero aí radica tamén a súa filosofía.

Marta Pernas, da asociación Sustinea: "Un tipo de campaña coma o Black Friday, coa xente como tola mercando, non ten ningún sentido nun momento histórico coma o actual, de crise climática. A filosofía é repensar e reducir".

Un antigo concepto, o do troco, que resulta do máis novidoso para os consumidores do futuro: "Paréceme ben. Cousas que xa non empregabas, outra persoa pode darlle unha nova utilidade", asegura unha nena.

Co que sobre, organizarán outro mercado para a temporada consumista por excelencia: a do Nadal.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/11/2019