CRTVG

Buscar

Grazas ao trasplante de corazón, Juan Carlos ten unha segunda oportunidade de vivir

Publicado o 09/03/2021 15:02

No Complexo Hospitalario da Coruña, en só dous días realizaron 15 transplantes de órganos. Cambiáronlles a vida a unha ducia de persoas grazas á solidariedade de varias familias de doantes.

Ao igual que lle cambiou a Juan Carlos, un vimiancés que foi transplantado de corazón nese mesmo centro hai xa cinco anos. Porén, a súa odisea comezou no 2009, cando sufriu un infarto que lle despezou o corazón. 

Os médicos foron moi claros con el: o transplante era a única solución. Pero mentres tanto tiñan que estabilizarlle o corazón e intentaron reconstruírllo. Non foi posible e propuxéronlle a colocación dun corazón artificial.

"Tíveno 16 meses ata que collín unha infección e había que transplantar un corazón o antes posible", explica Juan Carlos Agustín. 

Puxérono en código cero. Agardou só catro días ata que apareceu o seu órgano vital.

"Foi volver empezar a vivir. Teño unha vida nova", engade Juan Carlos.

Grazas ao transplante de corazón, Juan Carlos ten unha segunda oportunidade de vivir. E tamén dous aniversarios: o biolóxico e o da intervención, xa que ese día volveu nacer.

Noticias web

09/03/2021