CRTVG

Buscar

Graves disturbios en varias cidades tras as manifestación en apoio a Hasél

Publicado o 17/02/2021 08:40

Baixo o lema "Liberdade para Pablo Hasél", milleiros de persoas manifestáronse polas rúas de varias cidades catalás: Barcelona, Xirona, Vic e tamén Lleida, a cidade natal do rapeiro, que pasou a primeira noite en prisión.

Segundo a Garda Urbana, en Barcelona congregáronse 1.700 persoas. Houbo música e lectura de manifestos a favor da liberdade de expresión ou reivindicando a derrogación da coñecida como lei mordaza.

As manifestacións comezaron sen altercados pero co paso das horas foi aumentando a tensión. Algúns manifestantes acabaron montando barricadas, incendiando colectores, atacando mobiliario urbano, escaparates e guindando pedras contra os Mossos. En Lleida atacaron a sede do PSC e a do PP e tamén a subdelegación do Goberno. Tamén atacaron a comisaría de Vic.

Os enfrontamentos acabaron con 33 feridos, 16 manifestantes e 17 axentes. Houbo 15 detencións.
Tamén houbo concentracións de apoio a Hasél fóra de Cataluña, en Valencia ou en Palma de Mallorca.

A condena de Pablo Hasél acendeu o debate sobre os límites da liberdade de expresión. O rapeiro foi condenado a nove meses polos delitos de enaltecemento do terrorismo e inxurias á Coroa e ás forzas de seguridade a través de comentarios en redes sociais. Entra en prisión porque ten antecedentes penais.

En 2014 Hasél fora condenado a dous anos de cárcere por enaltecer nas súas cancións o terrorismo de ETA ou Al Qaeda, pero daquela, o tribunal suspendera a súa entrada en prisión. En 2017 fora sentenciado por un delito de resistencia á autoridade e en 2018 por entrar nun local.

 

Noticias web

17/02/2021