Grávase tirando unha neveira por un terraplén en Almería e enfróntase a unha multa de 100.000 euros
Fíxose viral nas redes sociais aparecendo nun vídeo onde tira unha neveira por un terraplén en Almería. A fazaña podería custarlle uns 100.000 euros de multa. Por se fose pouco, o home traballa para unha empresa de xestión de residuos que agora investiga o Seprona.
Gravados e difundidos polo protagonista en Almería, e vistos e comentados viralmente nas redes. Desfaise dunha neveira guindándoa do alto dun barranco no monte de Almanzora.
Os vídeos testemuños das infraccións impulsaron as accións do Seprona, que abriu unha investigación que podería rematar cunha sanción económica de ata 100.000 euros para o protagonista, xa que guindar electrodomést¡cos, por teren residuos contaminantes, pode atentar contra o medio natural.
Pero amais, o home, de 24 anos e que afirma que se arrepinte, enfróntase a un expediente sancionador da empresa para a que levaba un par de meses traballando e dende a que aseguran que xa o despediron.
Pero á firma, precisamente de xestión de residuos e aparellos eléctricos, de Olulá del Río, aínda que asegurou que as prácticas empresariais son correctas, agora a Garda Civil abriulle unha acta de infracción. Axentes da Policía Xudicial investigan se a mercantil cometeu presunto delito ambiental, porque no rexistro das instalacións non atoparon colectores para electrodomésticos, pero si unhas 50 lavadoras e 20 frigoríficos e os propietarios non foron quen de achegar ningún xustificante de entrega de residuos a ningún xestor durante toda unha década de actividade.
No último ano, 2018, en toda España, o Seprona detivo ou investigou 2.500 casos de delitos contra o medio natural.