CRTVG

Buscar

Gravan unha loba e a súa cría atacando un carneiro en Allariz

Publicado o 21/04/2021 12:33

Unha cámara con sensor de movemento captou a loba coa súa cría atacando un dos carneiros. Instalárona tras un primeiro ataque, que deixara un carneiro morto, e non tardaron nin 24 horas en confirmar a causa.

Asegurou Carlos Estévez Vázquez, coordinador do Centro de Educación Ambiental O Rexo, que "en principio pensabamos que era o lobo, pero non o tiñamos claro. O lobo matou o carneiro líder, dominante do pequeno rabaño". Neste segundo ataque caeu outro carneiro, e un terceiro está grave.

Non contan con que sobreviva. Na leira tiñan 16 carneiros. Apártanos do resto do rabaño ata a época de celo. Asegura Carlos Estévez Vázquez, coordinador do Centro de Educación Ambiental O Rexo que "o motivo de telos separados é para que non teñan contacto nin visual nin físico co resto das ovellas".

A dous quilómetros do resto do rabaño e sen mastín, o responsable do Centro de Educación Ambiental do Rexo atribúe o sucedido á falta de protección, e exime de culpa ao lobo. Di Carlos Estévez Vázquez, coordinador do Centro de Educación Ambiental O Rexo que "a culpa foi nosa, de non meter protección ao rabaño. O lobo, o único que fixo foi alimentarse". "É a lei da natureza. Temos que convivir co lobo, que forma parte do noso ecosistema".

No rabaño hai máis de 300 cabezas, entre ovellas, carneiros e as súas crías. Só os carneiros sufrion os ataques.

 

Noticias web

21/04/2021