CRTVG

Buscar

Gravan o momento previo á emancipación de dúas crías de oso en Cantabria

Publicado o 06/05/2019 19:06

Técnicos da Fundación Oso Pardo gravaron na subpoboación de osos do occidente cantábrico o momento que precede á emancipación dos osos máis pequenos, cando un gran macho se achega a un grupo familiar, composto pola osa e os seus dous osiños de segundo ano.

A femia repele o achegamento, enfrontándose ao macho e interpoñéndose entre este e as súas crías, que miran expectantes. De abril a xullo prodúcese o celo dos osos na Cordilleira Cantábrica. É o momento en que os machos tratan de aparearse co maior número posible de femias, pero en ocasións estas aínda se atopan acompañadas das súas crías, como recolle a escena do vídeo. Se os cachorros son de segundo ano, é dicir, naceron en xaneiro do ano anterior, chegaría o momento da emancipación para eles.

Non é a primeira vez que os técnicos da Fundación Oso Pardo observan esta escena, seguida días despois de observacións dos osos xa independizados alimentándose tranquilamente, e a femia iniciando o cortexo co macho noutra zona.

A maioría das separacións familiares prodúcense nesta época do ano, e están asociadas á presenza dun macho adulto preto do grupo familiar, o que desencadea a marcha da nai, para o inicio dun novo ciclo reprodutor, e a emancipación das crías.

Tras independizarse, con algo menos dun ano e medio de idade, os irmáns dunha camada manteñen os seus lazos fraternais e adoitan permanecer xuntos durante polo menos un ano máis, explica a Fundación Oso Pardo.


 

Noticias web

06/05/2019