CRTVG

Buscar

Gravan en Baleira unha película que lle pemite ao participante formar parte da historia e viaxar no tempo

Publicado o 22/08/2020 15:56

Gravar en tempos de coronavirus é posible… e viaxar no tempo tamén. A produtora Microsoños acaba de pór en marcha unha experiencia de cine inmersivo que ademais supón unha viaxe no tempo. Os participantes mergúllanse nunha realidade creada para a ocasión e participan da historia xunto con actores profesionais.

É a primeira iniciativa destas características que se desenvolve en Lugo. Ten como escenario o concello de Baleira. Supón para os participantes unha viaxe no tempo e, contra o que pode parecer, a distancia social e as máscaras xa eran coñecidas porque son unha condición para trasladarse ao pasado. Cúmprense así as medidas anticovid.

Non podemos adiantar máis sobre a viaxe no tempo porque a idea é que hai que vivila, pero hai unha máquina que traslada os participantes ao pasado e a historia ambiéntase nos comezos do Camiño de Santiago.

A iniciativa é posible grazas ao patrocinio de institucións como a Deputación e concellos como o de Lugo ou Baleira, e tamén pola achega de particulares, que deste xeito teñen garantido un papel na representación.

Xa levan recadados nove mil euros, e confían en chegar aos catorce mil.

Para os que se sintan interesados nesta experiencia de inmersión e viaxe no tempo a seguinte cita é o próximo día 26 en Lugo.

Noticias web

22/08/2020