CRTVG

Buscar

Gravan como un polbo cambia de cor mentres dorme

Publicado o 01/10/2019 15:54

Ela é a mascota dun biólogo mariño de Alaska. Ela é Heidi. E o seu durmir é famoso porque impresiona, xa verán. E iso que estamos afeitos a que os polbos nos impresionen. A primeira impresión, naturalmente, a nosa industria do sabor.

Mentres Heidi segue durmindo branca lembremos aquel vídeo do Aquarium Finisterrae. Alá na Coruña este polbo demostrou como discorría. Puxéronlle diante un suculento caranguexo metido dentro dun bote pechado que soubo abrir. O cefalópodo aprendeu ao instante como quitar a tapa para coller a presa.

Adáptase coa intelixencia, coa abraiante flexibilidade para coarse onde queira e tamén coa súa memoria, porque a ten.

Heidi segue durmindo. Cabeza abaixo. Branca. Pero cambian de cor, estes bechos capaces de facer dun coco unha fortaleza. Cambian de cor cando temen ser cazados ou cando cazan. Pero cambian tamén mentres dormen. Heidi pode ter na cabeza que caza ou é cazada. Heidi pode estar pensando ou estar soñando.

Dicía o poeta que entre o vivir e o soñar hai unha terceira cousa. Quizais estea naquel polbo Paul que adiviñaba o Mundial, quizais estea nas nosas bocas, ou quizais na cabeza de Heidi cando dorme.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/10/2019