CRTVG

Buscar

Grafitti que educan en igualdade ás portas dun colexio de Lugo

Publicado o 08/12/2019 10:06

Educar en igualdade é o camiño máis directo polo que ir para crear unha sociedade realmente igualitaria e xusta, onde todos teñamos os mesmos dereitos e oportunidades. Con esta filosofía un colexio de Lugo, o Rosalía de Castro, decorou as paredes do seu centro.

Reivindicar. E facelo así, dun xeito tan bonito, tan en positivo. Partindo da base de que nenos e nenas poden ser astronautas, futbolistas ou bombeiros.

Este é o comedor do colexio Rosalía de Castro. Hai un mes as súas paredes estaban cubertas de pintadas insultantes, feitas por fedellos que conseguiron entrar no recinto ás agochadas.

Agora estas paredes están cheas de vida. O deseño foi cousa de Juan Ramón Morales. O executor da obra foi Diego Anido, quen con dous amigos en só unha semana foi quen de plasmar o deseño.

Son 150 metros cadrados que poñen o grafitti ao servizo da igualdade. Parecen debuxos inocentes, pero educan, e nun país no que a violencia machista asasinou máis peroas ca o terrorismo, a súa mensaxe é tan certa coma necesaria. Todos, nenos e nenas, mulleres e homes, somos iguais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/12/2019