CRTVG

Buscar

O rastrexo dos móbiles non violará a privacidade dos cidadáns, din os expertos

Publicado o 06/04/2020 14:26

O Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións da Universidade de Vigo avala o rastrexo de móbiles co que o Goberno pretende comprobar o grao de cumprimento do confinamento e a incidencia que ten na evolución da pandemia. O estudo, que abarca 40 millóns de habitantes, garante a privacidade. 

Expertos do centro consideran que o estudo impulsado polo Goberno denominado dataCOVID é necesario porque vai permitir coñecer os movementos da poboación para axudar a tomar decisións fronte ao coronavirus. O estudo emprega os datos das antenas das teleoperadoras sobre o posicionamento de todos os dispositivos móbiles que hai no país.

"Basicamente, o que se está a facer é contar cantos móbiles están nunha área determinada nun momento determinado, e como evoluionan os patróns ao longo do tempo". "Se realmente están funcionando as medidas de confinamento, se se reduciron os patróns de mobilidade nos centros de traballo, nos espazos públicos, nas rúas, nos parques....", dixo Luis Pérez, director xeral de Gradiant.

Será só mentres dure a pandemia e o rastrexo non é persoal, senón anónimo.

"En ningún caso se están analizando movementos a nivel individual. Os datos cos que se traballa non teñen ningún tipo de información persoal", engadiu o director xeral.

O estudo permitirá saber se residentes dun territorio viaxaron ás súas segundas vivendas, porque detectará incremento de móbiles en zonas habitualmente menos poboadas.

Non prevé de momento usar aplicacións persoais, como se fixo nalgúns países asiáticos, en que os cidadáns comunican síntomas que padecen e como evolucionan.

Noticias web

06/04/2020