CRTVG

Buscar

Google rompe con Huawei e négalle actualizacións, aplicacións e servizos

Publicado o 20/05/2019 20:51

A guerra entre o Goberno estadounidense e o fabricante chinés Huawei chega aos nosos teléfonos.
A empresa norteamericana Google retíralle a Huawei o permiso para usar o sistema operativo Android.

Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia: "A principal implicación é que os usuarios de móbiles Huawei non van ter acceso aos servizos de Google, tanto ao sistema operativo como a todas as actualizacións, o que ten connotacións de seguridade como para as aplicacións de terceiros e as propias aplicacións de Google como Gmail ou Google Maps".

Huawei é a marca que máis móbiles vendeu en España este pasado ano. Hoxe foron moitos os usuarios que acudiron consultar a unha tenda. Grandes superficies comerciais aceptan a devolución dos móbiles mercados estes días. Pero polo de agora a noticia non está afectando as cifras de negocio. En Santiago, Huawei seguiu sendo hoxe a marca de móbiles máis vendida. A maioría dos usuarios están tranquilos.

"Polo de agora non notei nada, así que sigo tranquilo". O P20 ou P20pro e anteriores non recibirían máis actualizacións de Google porque Trump tenta vetar o comercio e o soporte a Huawei porque pensan que poden filtrar información á China".

Efectivamente, Washington acusa a Huawei de ser un axente de espionaxe do Goberno chinés. Detrás desa acusación está a carreira polo control da tecnoloxía 5G, a Internet do futuro. Este mesmo luns, 5 firmas de procesadores suspenderon o envío de chips e memorias a Huawei, algo que afectará tamén os seus ordenadores e tabletas.



 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/05/2019