CRTVG

Buscar

Gonzalo Pérez Jácome: "Creo que podo ser alcalde, pero ata o sábado non se pode saber nada"

Publicado o 13/06/2019 11:06

O líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome (Ourense, 1969), entrevistado no Bos días, di que "cando dicimos pactar co diaño, é que hai que ser tremendamente prácticos, e loitar polo mellor para Ourense" e nestes momentos vese con grandes posibilidades de chegar ao poder municipal o próximo sábado "creo que podo ser alcalde, pero ata o sábado non se pode saber nada. Non hai nada pechado", asegurou. Non obstante, quere manter a cautela porque "xa levei moitos chascos na vida, e por iso non o podo asegurar", afirmou. 

As negociacións nestes momentos están abertas e seguirán ata o mesmo sábado: "Isto leva camiño de pecharse sobre a bucina", dixo. Respecto a se é o Partido Popular ou o PSdeG o que está máis preto de apoialo para converterse en alcalde Jácome deixase querer polas dúas formacións: "Nós agora mesmo estamos no medio do tumulto e non podo dicir de quen estamos máis preto".

O que si ten claro é que "os sete concelleiros de Democracia Ourensana van votar a Gonzalo Pérez Jácome, e non imos apoiar outra persoa porque hai que sacar esta cidade do precipicio en que está", afirmou. "Agora mesmo só hai dúas opcións, ou alguén se suma a nós para ter maioría absoluta e sería alcalde ou a lista máis votade que é a do PSOE ocuparía o goberno", dixo.

En canto a vincular a súa investidura á situación na Deputación de Ourense, dixo que "cremos que se pode facer perfectamente. Hai que ligar as dúas administracións porque é necesario para Ourense e nós con que veñan cartos para a cidade xa nos damos por satisfeitos". A diferenza do expresado por Ciudadanos, quen dixo que apoiaría un goberno popular na Deputación, pero sen Manuel Baltar, Jácome non pon vetos, "se non llos poñemos ao demo, de aí para arriba cabe todo o mundo", dixo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/06/2019