Gonzalo Caballero vese con "forzas, ganas e ilusión" para seguir liderando o PSdeG
O secretario xeral do PSdG Gonzalo Caballero asegura que se ve con "forzas, ganas e ilusión" de cara ó congreso e ás primarias do PSdG.
Nunha entrevista no Galicia por Diante, da Radio Galega, Caballero evitou dar unha data para o conclave pero di que "será de aquí a finais de ano". Non confirma se presentará candidatura pero si deixa entrever que dará o paso para revalidar o cargo. "Estou con forza e coa capacidade de seguir traballando desde este partido socialista que nin é a dereita do PP conservadora nin é un nacionalismo que se abraza a un independentismo catalán que a min non me gusta nada. Anunciarei as miñas decisións no seu momento, pero ó longo destes últimos catro anos o PSdG mellorou en tódalas convocatorias desde que eu son secretario xeral" apunta.
Reivindica Caballero os resultados electorais do PSdG nas eleccións xerais, municipais e europeas. Sobre os pasados comicios autonómicos, Caballero cre que "a pandemia mudou as tendencias electorais. En abril, as enquisas preelectorais prognosticaban o cambio, pero a alta abstención, superior ó 51 %, castigou ó PSdG".
Caballero cre que o BNG, que superou os socialistas en votos, tocou teito electoral. Defende que ante unha crise, entre o electorado "calan posturas e proposta rupturistas". Con todo, di que "para que haxa cambio ten que haber un PSdG forte".
Ante a posibilidade de que se presente outra candidatura encabezada polo actual presidente da Deputación da Coruña Valentín González Formoso, Caballero evita especular e di: "Non vou acrecentar ningunha polémica. Eu estou centrado no meu traballo e en propoñer a mellor folla de ruta para construír unha Galicia mellor". Caballero chama á unidade e di: "Cando os socialistas estamos unidos somos imparables".
Sobre o próximo curso político, Caballero defende que ten que ser o da "reactivación" e di que a súa prioridade seguirán a ser os servizos públicos, coma a sanidade e a educación.
Critica Caballero o que considera a inacción do goberno galego e denuncia o que considera "grandes erros de xestión da Xunta neste verán". Di: "Feijoo marchou de vacacións sen pedir autorización xudicial para o certificado covid na hostalaría. Feijoo marchou de vacacións sen atender ós mails das eléctricas que advertían do baleirado dos encoros e marchou de vacación sen dar resposta ós graves problemas da atención primaria, en que hai que esperar 20 días para conseguir unha cita".