Gonzalo Caballero ve o partido "satisfeito" coas listas, en que entende que "todo o mundo quere estar"
O PSdeG aproba esta tarde as listas coas que se vai presentar ás eleccións do 5 de abril. Os nomes dos cabeza de cartel polas catro provincias parece que están xa pechados. O líder dos socialistas, Gonzalo Caballero, recoñeceu "presións" para a formación das candidaturas, aínda que di que son "humanas". Tamén dixo que ten o apoio total da militancia.
O líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, visitou esta mañá o concello de Forcarei. Alí falou da confección das candidaturas que serán aprobadas polo comité nacional do PSdeG esta tarde e que mañá terá que apoiar Ferraz.
Recoñeceu presións na confección das litas, pero di que son "humanas e comprensibles". Xustificou os cambios introducidos pola dirección do partido na necesidade de situar nas listas "os mellores" e dixo sentirse totalmente arroupado pola militancia.
En Pontevedra será o propio Gonzalo Caballero o que encabece a candidatura. Na Coruña, o número un será o deputado nacional Pablo Arangüena, e en Lugo Patricia Otero.
En Ourense, a militancia apostaba por Noela Blanco, pero finalmente será a deputada no Congreso Marina Ortega, afín a Caballero, a que encabece a lista.