CRTVG

Buscar

Gonzalo Caballero pide desde Ribas de Sil "un acordo de país" para unha nova política forestal

Publicado o 08/09/2021 19:40

EFE/ Eliseo Trigo

EP

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, manifestou a necesidade de implantar unha "nova política forestal, de prevención e de aposta polo rural", para o que pediu "un acordo de país". Así se expresou este mércores na súa visita ao Concello de Ribas de Sil, acompañado do alcalde, Miguel Sotuela, despois do gran lume forestal que afectou ao municipio. "Non pode ser que cada verán teñamos este tipo de incendios que se saen de control", afirmou Gonzalo Caballero á vez que subliñou que a principal política contra incendios foi, "unha vez máis, a choiva".

O mandatario do PSdeG instou a retomar os "grandes acordos" que se tentaron despois dos incendios do outono do 2017. "É necesario que agora se leven a cabo", apuntou. Caballero criticou que a Xunta "faga recaer" as responsabilidades nos concellos da Galicia rural, "que non poden facer fronte a elas". "No Parlamento imos seguir tendendo a man a un gran acordo", deixou claro. Igualmente, reclamou ademais un cambio na política laboral dos brigadistas co obxectivo de darlles "maior estabilidade". Así, Gonzalo Caballero agradeceu o traballo destes profesionais, de militares e todas as persoas que loitaron contra o lume, como os do Concello de Ribas de Sil.

Noticias web

08/09/2021