CRTVG

Buscar

Gonzalo Caballero: "O compromiso coa axenda galega que defendemos témolo garantido"

Publicado o 07/06/2018 09:31

Hoxe no tempo da entrevista pulsamos a reacción dos socialistas galegos sobre o novo Goberno de España con Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG.

Sobre o novo Goberno

"Eu creo que é un bo Goberno, que está espertando moitas expectativas". "Había que tomar unha decisión e o PSOE fixo o que tiña que facer". "O novo Goberno está espertando esperanzas".

"Borrell é un político de excepción, recoñecido en todo o país e que é unha garantía de compromiso coa esquerda. Tamén é garantía de entender a importancia da soberanía nacional e da non división do Estado". 

"A ministra de Economía amosa a capacidade dun novo Goberno, con perfís de xente nova e con perfís técnicos. Tamén amosa o que é a capacidade da política de deixar un alto cargo en Europa para vir asumir unha responsabilidade no Goberno". 

"O presidente buscou o mellor perfil para cada un dos postos". "Pedro fixo o tipo de Goberno que require unha situación excepcional". "A aritmética parlamentaria vai ser moi complexa e hai que poñerlle un plus de credibilidade". 

"Este cambio é un cambio para ben porque había que retirar a corrupción que o PP tiña asumido na súas fila sen asumir ningún tipo de responsabilidade; porque cremos que a taxa de crecemento que hai na economía española dá marxe para tomar medidas de avance social; e porque respectando todo o marco constitucional do Estado, necesitamos ter unha vontade de diálogo".

"En política todo cambia moito. Hai tres semanas non era previsible este escenario. Hai que ser cautos á hora de facer predicións. Houbo unha maioría que apoiou a Pedro Sánchez no debate".  

A cuestión territorial

"Á hora de definir o modelo constitucional que temos, asumimos o modelo do 78 que asimilaba a existencia de tres nacionalidades históricas. Estamos nun momento no que podemos entender que pode ser necesaria unha reforma constitucional que permita incorporar a diversidade do Estado cunha maior pluralidade. Estamos abertos, se iso se fai con respecto ás normas e ao marco constitucional".

"O PSOE e Pedro Sánchez teñen definido de forma continua un modelo de plurinacionalidade para o Estado". "Á vez, temos que poñer enriba da mesa elementos de solidariedade que garantan que calquera tipo de maior autogoberno para algunhas partes do Estado non rachen co modelo de solidariedade".

Os compromisos con Galicia

"A ministra de Economía é galega, temos representación nunha carteira fundamental. Os socialistas galegos estamos moi satisfeitos". "Hai que esperar os tempos e non entrar en quinielas". 

"O compromiso dos socialistas galegos coa axenda galega que defendemos témolo garantido".

"Os orzamentos deste ano dedican a Galicia 900 millóns do euros. No peor ano da crise co goberno socialista dedicábanse a Galicia 1.500 millóns de euros". "Temos que poñer a axenda política galega nos orzamentos do Estado". "A axenda que defendemos é fundamental mantela".

"O que importa coa AP-9 é que poida funcionar axeitadamente e que ademais se poidan eliminar os custes fundamentais que se fixeron. Para iso, hai un déficit de compromiso e capacidade de facelo. En sede parlamentaria aprobouse facelo, pero logo hai que poñer en valor cales son as transferencias de fondos que iso implica. Pero está no noso compromiso de traballo". 

 

 

Noticias web

07/06/2018