CRTVG

Buscar

Gonzalo Caballero: "A mellor enquisa, as xerais de novembro"

Publicado o 17/02/2020 13:17

O secretario xeral do PSdeG e candidato á Xunta, Gonzalo Caballero, recalcou este luns que "a mellor enquisa" en Galicia é a do resultado das eleccións xerais do pasado novembro, e augurou que se o 5 de abril hai unha mobilización masiva, "o cambio político é imparable".

Desta maneira referiuse o líder dos socialistas galegos a diversas sondaxes publicadas nos últimos días e que coinciden en prognosticar unha nova maioría absoluta, a cuarta, de Alberto Núñez Feijóo, aínda que cunha marxe máis ou menos folgada.

Tras reunirse co alcalde de Vigo, Abel Caballero, e prometer un impulso á Galicia urbana, o candidato do PSdeG á presidencia da Xunta rememorou que nas últimas xerais, o 55% dos galegos votaron por "forzas progresistas", fronte ao 44% de "a suma das tres dereitas, coa extrema dereita".

O secretario xeral do PSdeG-PSOE di que só existen dous proxectos políticos que se enfrontarán nas eleccións do 5 de abril, o das dereitas e o dos socialistas galegos. 

Por iso deduciu que se o 5 de abril hai un alto nivel de participación "o cambio político é imparable, por moito que os sectores conservadores queiran utilizar o poder da Xunta para tentar aniquilar a imaxe dunha Galicia nova. Non nos resignamos a que Feijóo siga esgotando o país", proclamou.
Percibe Gonzalo Caballero "un clamor" en Galicia "para retirar a Feijóo", e na rúa nos últimos días, "moita vontade de cambio".

O líder do PSdeG insistiu en que Feijóo quere "pasar no bico dos pés" pola precampaña e a campaña electoral, "para non dar conta da ' desfeita' destes once anos" á fronte da Xunta, e volveu a pedirlle "coraxe" e "valentía" para un cara a cara.

"Se quere debate, só ten que facer unha cousa: dicir sitio, lugar e hora", subliñou Gonzalo Caballero, a quen o seu tío, Abel Caballero, apuntou: "non vai aceptar porque vén abaixo, afúndese".

Cre Caballero que un debate entre el e Feijóo é "o único de interese" por canto serviría para  testar "os dous proxectos que confrontan para liderar a Xunta", aínda que comprende que outras forzas queiran "ter o seu espazo e defender as súas siglas", desde o respecto ao "pluralismo participativo". Por iso, garantiu que participará en todo canto debate asista Feijóo, para poñer de manifesto "as dúas  Galicias" que hai: "a versión que quere publicitar" o presidente da Xunta, que quixo "eliminar" a sala de partos de Verín e agora fala de "problema de comunicación", e a que "saíu á rúa e obrigoulle a rectificar".