González Formoso será rival de Caballero nas primarias para liderar o PSdeG
As especulacións dos últimos meses foron a máis nos últimos días e este luns confirmábase. Valentín González Formoso, alcalde das Pontes e tamén presidente da Deputación da Coruña será candidato á Secretaría Xeral dos socialistas galegos. Disputaralle o cargo a Gonzalo Caballero, que se presenta á reelección e que insiste na integración nunha soa lista."Creo que neste momento a unidade, a lealdade e a integración representan unha fortaleza para o PSdeG. Xa ofrecín unha proposta de integración, de unidade a todo o partido porque todos somos necesarios, porque todos podemos ter un espazo nun proxecto compartido e porque é o momento de primar o proxecto colectivo por riba de calquera individualidade", dixo.
Sen entrar a valorar as posibles candidaturas a liderar o PSdeG, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, si manifestou que Valentín González Formoso, sería un candidato sólido: "Valentín González Formoso é o secretario provincial do Partido Socialista da provincia da Coruña que é a provincia en que residimos case o 40% dos afiliados do Partido Socialista. É o núcleo máis numeroso do Partido Socialista de Galicia. Se se presenta será un candidato sólido".
Sobre a denuncia da dirección do PSdeG dun incremento sospeitoso de militantes nas Pontes, o Comité de Ética de Ferraz di que non houbo fraude.