CRTVG

Buscar

A vítima do crime machista de Gondomar deixou por escrito os malos tratos que sufría

Publicado o 03/12/2020 17:00

• Decrétanse tres días de loito oficial en repulsa polo crime

• Paco Ferreira, alcalde de Gondomar: "Temos que estar todos ao lado das vítimas"

Tres vítimas da violencia machista en Galicia durante este ano

Soledad, a última vítima mortal da violencia machista en España, deixou por escrito os malos tratos habituais e un intento de asfixia por parte do seu marido, quen supostamente onte lle quitou a vida atacándoa cun coitelo de cociña e logo tentou suicidarse.

Así o revelou a súa irmá, Purificación, durante a concentración de repulsa celebrada este mediodía ante o Concello de Gondomar. Relatou que a súa irmá escribiu unha carta en que lle explicaba ao seu fillo, "coma se pensase que lle ía pasar algo", os malos tratos que sufría, incluído o episodio de hai un ano, cando o seu marido "lle botou a man ao pescozo" mentres estaba no sofá e a "quixo aforcar".

O episodio tamén llo confesou a súa nai e a ela mesma, a pesar de que en principio tratou de ocultalo cando lle detectaron unhas marcas na cara "como de afogamento". "Somos parvas..., tanto aguantar para que?", lamentou Purificación, quen confirmou que a súa irmá nunca chegou a denunciar formalmente estes feitos nin acudiu ao médico.

Purificación preguntouse "por que —os asasinos— non se matan primeiro", no canto de acabaren coa vida das súas vítimas, e "por que temos que aguantar isto as mulleres. Que somos aquí, gando?", expuxo.

Á parte da pena polo crime da súa irmá, mostrouse preocupada polo futuro do seu sobriño, con síndrome de Down e autismo, quen "só se relaciona coa súa nai. Só ela o entende", dixo.

O Concello fixará tres días de loito oficial, e este mediodía convocouse unha concentración de repulsa por este asasinato, que causou a terceira vítima mortal de violencia machista en Galicia no que vai de ano, a número 42 en toda España.

Os veciños de Gondomar e representantes políticos, sociais e das forzas de seguridade gardaron hoxe un minuto de silencio en memoria de Soledad.