Gondán, entre a decena de sociedades interesadas en adquirir Barreras
Publicado o 26/10/2021 16:59
Gondán formalizou a súa oferta precisamente o día que remataba o prazo marcado pola consultora Kroll. O estaleiro asturiano, radicado en Figueras e que lidera o mercado en España de buques de apoio a torres eólicas, viu nas instalacións de Barreras a solución para a súa falta de espazo.
Gondán súmase a preto dunha decena de sociedades interesadas na compra do estaleiro vigués. Unha delas é Armón. O proceso entra agora nunha segunda fase na que se seleccionará a opción máis consistente. Kroll marcou o mes de marzo como prazo para pechar a venda de Barreras.