Gómez-Reino avisa que "se colapsa" a sanidade galega será tamén "polos once anos de recortes" de Feijóo

O portavoz de Galicia En Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, asegurou que "se colapsa" a sanidade galega por culpa da crise do coronavirus "será tamén polo once anos de recortes" do presidente autonómico, Alberto Nuñéz Feijóo, a quen critica por apostar pola instalación de hospitais de campaña antes de "reforzar" o sistema público botando man dos recursos privados. Nun comunicado emitido pola coalición, o portavoz de Compostela Aberta, Martiño Noriega, tachou de "incomprensible" que Feijóo vaia a recorrer á instalación dun hospital de campaña no Multiusos do Sar cando "non hai saturación" nos hospitais de Santiago. "Cónstanos que non hai saturación nin no Clínico nin no Provincial de Conxo, e descoñecemos se a Xunta ten previsto utilizar o hospital Gil Casares", apuntou Noriega, que lembra que este último centro, anexo ao CHUS, permaneceu aberto como Unidade de Coidados Paliativos (trasladada a Conxo) ata finais de 2019, pero está "listo" para acoller pacientes "en condicións moito máis dignas que calquera polideportivo". Ademais, como insiste a coalición os últimos días, consideran que o levantamento de hospitais de campaña debe ser o último recurso e que, antes, deben intervirse os centros privados en Galicia, aos que, segundo En Común, a Xunta beneficiou desde a chegada de Núñez Feijóo á Presidencia.