CRTVG

Buscar

Golpean o propietario dun restaurante de Ourense durante un asalto na súa casa

Publicado o 19/06/2019 13:43

A Policía Xudicial de Xinzo busca os asaltantes dunha vivenda no concello ourensán de Calvos de Randín. As vítimas son un matrimonio e a súa filla, propietarios dun famoso restaurante de Ourense. Dous descoñecidos abordáronos polas costas, golpearon o home cunha barra de metal e ameazaron as mulleres cunha arma.

Os veciños desta pequena aldea de Lomear, en Calvos, tiñan previsto pasar hoxe polo cuartel da Garda Civil para prestar declaración, aínda que non cren poder axudar moito porque estaban durmindo. O suceso ocorreu ás tres da madrugada do luns, cando os propietarios desta casa regresaban de Ourense, onde rexentan un popular restaurante. Todo parece indicar que os asaltantes estaban agardando por eles. Un avalanzouse sobre o home, de 65 anos, e golpeouno nas costas cunha barra.

"Chegaron ás tres da mañá, estaba abrindo a porta e déronlle por detrás. O home caeu e fixo un nadiña na cara e no xeonllo. E non sabemos nada máis. Pero non lle pediron nada porque despois deron o piro... como elas seixa chillaban", di unha veciña.

Finalmente, fuxiron sen levar nada, pero aos veciños de Lomear quedoulles o susto no corpo.

O restaurante que os asaltados rexentan en Ourense preparábase esta mañá para abrir coma un día normal. Os seus donos rexeitaron facernos declaracións dun suceso que xa está en mans da policía xudicial de Xinzo de Limia.

Noticias web

19/06/2019