CRTVG

Buscar

Golpe ao turismo español pola corentena imposta desde o Reino Unido de 14 días

Publicado o 26/07/2020 18:47

España queda, desde hoxe, fóra da lista de países seguros para o Reino Unido en relación co coronavirus. Os viaxeiros procedentes do ámbito español, tanto peninsular como das illas, deben pasar dúas semanas de corentena preventiva nun domiclio británico comunicado ás autoridades. O incumprimento implica unha multa de ata mil libras, uns 1.072 euros.

"Debemos ser capaces de adoptar medidas rápidas e decisivas, particularmente en relación coa situación local que vive España", dixo o ministro británico de Exteriores, Dominic Raab, quen engadiu que na situación actual "non se lle poden dar garantías" aos británicos que escollan o territorio español para as vacacións.

O impacto no sector turístico será grave sen paliativos. O ano pasado chegaron a España 83 millóns de turistas. Deles, 18 millóns son británicos, a nacionalidade con maior número de visitantes. Un dos grandes operadores internacionais, TUI, cancelaba hoxe os seus voos desde o Reino Unido aos aeroportos españois. Nestes momentos están a analizar o que farán a partir de mañá. Adivíñase un caos de cancelacións de voos e tamén de vacacións, así como de regresos anticipados dos cidadáns británicos.

España formaba parte da lista de 59 países seguros anunciada polo executivo de Johnson o dez de xullo. Quince días despois sae desa relación. Curiosamente, aínda que a corentena afecta a todos os viaxeiros procedentes do territorio español, a recomendación de non vixar a España non atinxe ás illas Canarias e ás Baleares.

Noticias web

26/07/2020