CRTVG

Buscar

Goleada do Atlético nunha espectacular estrea de Suárez

Publicado o 27/09/2020 21:00

Luis Suárez empezou no banco. Pero xogou os últimos vinte minutos. E na súa estrea ofreceu un recital, con dous goles e unha asistencia.

Non foi a única boa nova para os seareiros do Atlético de Madrid, porque o equipo de Simeone xogou un partidazo, con actuacións individuais destacadas e un fútbol vistoso e atrevido. Ben cedo marcou Diego Costa, aos nove minutos, tras asistencia doutro dos destacados, o arxentino Correa. Todo xirando arredor dun João Félix que completou un encontro espectacular. Forzou un penalti cometido por Duarte que desperdiciou Saúl pola grande intervención de Rui Silva.

Logo dun cuarto de hora brillante, o Atlético baixou o ritmo, e o Granada tivo a opción de empatar. Pero Víctor Díaz topou co impoñente Oblak, e o partido chegaba ao descanso coa vantaxe atlética. As dúbidas terminaron nada máis volveren dos vestíarios. João Félix, en modo estelar, asistíu para que Correa colocase o dous a cero no marcador. O tridente volveu funcionar no minuto 65. Pase de Correa, Diego Costa deixa pasar con intelixencia e gran definición de João Félix. Tres a cero ante un Granada que seguramente notou os seus esforzos europeos.

Despi chegaron os trocos. Debut de Luis Suárez, que entrou ao céspede xunto a Marcos Llorente. E eles dous continuaron coa exhibición previa dos seus compañeiros. Levaban dous minutos no campo. Asistencia sensacional do uruguaio e gol de Llorente. O Atlético gustábase e os seus futolistas insistían. Non querían que terminara o partido. A Luis Suárez escapoulle o seu primeiro gol nun remate que marchou desvíado. Pero non perdoou na segunda oportunidade. Centro de Marcos Llorente e remate do exbarcelonista. Así inauguraba a súa conta coa súa nova camiseta. Os andaluces atoparon cando menos o gol da honra cun remate de Jorge Molina. Pero o choque acabaría co sexto e definitivo tanto dos locais, segundo dun Luis Suárez que lembrará a súa estrea como xogador do Atlético. Seis a un tras un partidazo dos de Simeone, que suman tres puntos no seu primeiro encontro nesta liga.

Noticias web

27/09/2020