O Goberno mantén o calendario de vacinación malia o paro de AstraZeneca
España mantén almacenadas máis de 760.000 doses de AstraZeneca tras a suspensión cautelar da vacina. As autoridades sanitarias insisten en que se deixou de subministrar por precaución. Pero que, de momento, non hai evidencia científica de que sexa perigosa.
Pilar Farjas, membro do comité clínico: "Vacináronse todos os profesores dos centros educativos de Galicia, vacináronse os bombeiros, corpos de seguridade do Estado. Estamos utilizando decenas de miles de vacinas desta farmacéutica. Xa se vacinaron e xa viron os efectos que teñen, e xa pasou"
Amos José García Rojas, Pres. da Asociación Española de Vacinoloxía: "Unha mensaxe de tranquilidade. Están cunha vantaxe indubidable: están xa protexidos contra unha enfermidade que ocasionou 2 millóns de mortos"
Os que recibiron a primeira dose seguen no calendario de vacinación. E haberá vacina para eles. Federico Martinón-Torres, membro do comité asesor de vacinas da OMS: "Que escenarios pode haber? Si se retoma a vacinación normal completarán a pauta, se a suspension se mantén, as autoridades sanitarias terán que prover outro plan en que posiblemente se administre a segunda dose con outros fármacos"
O Goberno agarda o informe da Axencia Europea do medicamento, pero de momento, non prevé cambiar o calendario de vacinación previsto para todo o ano.
María Jesús Montero, portavoz do Goberno: "Non entendemos que se vaia producir por agora ningún tipo de alteración no calendario de vacinación que tiñamos previsto, nin a substitución definitiva da vacina de AstraZeneca"
Galicia continúa vacinando as persoas maiores e outros colectivos específicos coas outras vacinas. Só nas últimas horas a comunidade recibiu máis 7.000 viais da de Pfizer. A farmacéutica xa anunciou que a partir de abril enviará á Unión Europea 10 millóns máis de doses.