CRTVG

Buscar

Goberno e Xunta disenten nas consecuencias da lei do cambio climático

Publicado o 07/04/2021 21:36
Goberno e Xunta disenten nas consecuencias da lei do cambio climático

A ministra para a Transición Ecolóxica Teresa Ribera respondeu á Xunta mediante unha carta que non considera que a lei de cambio climático "vulnere a seguridade xurídica" nin que sexa "inconstitucional". Así, lanza unha mensaxe "tranquilizadora" á industria do mar en relación coas concesións, á vez que pide ao Goberno galego non xerar unha "falsa sensación de alarma" que contribúe ao "desconcerto" do sector.

Este mércores, a conselleira do Mar Rosa Quintana anunciou que a Xunta recorrerá ao Tribunal Constitucional a Lei de Cambio Climático se se aproba coa súa actual redacción este xoves, 8 de abril, na súa tramitación no Congreso. Esta norma está envolvida nunha polémica a dúas bandas entre o Goberno central e a Xunta pola súa suposta afectación ao sector conserveiro e industrial do litoral galego e, en concreto, á situación de empresas como Ence en Pontevedra.

Hai tres semanas, as conselleiras de Mar e Medio Ambiente Rosa Quintana e Ángeles Vázquez remitiron unha misiva a Ribera na que mostraban a súa preocupación por este asunto. A Xunta considera que esta nova lei "pon en risco" o futuro das empresas situadas na costa do sector mar-industria.

En resposta, nunha carta con data de 7 de abril, Teresa Ribera refírese ao polémico punto 4 do artigo 18 da nova lei, que "establece que 75 anos é o prazo máximo de posible duración" de concesións, "incluídos tanto o seu tramo inicial, tras o outorgamento, como todas as súas posibles prórrogas". Con todo, a ministra expón que, "nada impide, concluído ese prazo máximo de 75 anos, que poida solicitarse unha nova concesión".

Igualmente, deixa claro que "ese artigo non será obxecto de aplicación retroactiva", ao contrario do que afirma a Xunta, con base en senllos informes da súa asesoría xurídica e do Consello Consultivo de Galicia. Ribera opina que eses 75 anos "é un un prazo certamente prolongado e podería pensarse que xerador de certa falta de concorrencia competitiva, tan necesaria para calquera sector económico". "Con todo, non pode negarse que cumpre a lexislación estatal de patrimonio e que está aliñado coa xurisprudencia do Tribunal Supremo", agrega.

"Espero axudar a disipar as súas dúbidas e a que comprendan que ningunha familia galega, nin de ningún outro lugar de España, que desenvolva actividades respectuosas co medio ambiente e coa lexislación vixente debe sentir preocupación polo contido do artigo 18 da futura Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética", conclúe a carta da ministra de resposta ás conselleiras.

A Xunta emitiu un comunicado, na tarde deste mércores, no que interpreta que estas palabras de Ribera supoñen que "a finalidade do artigo 18.4 da Lei de cambio climático é a de eliminar a prórroga extraordinaria de todas as concesións na costa". En opinión da Xunta, Teresa Ribera "recoñece que coa nova norma se pretende prescindir da actual regulación da prórroga extraordinaria, co que os 75 anos desta extensión computaríanse desde a data inicial da concesión en lugar de facelo desde a solicitude da prórroga, tal e como permite a Lei de Costas para todas as concesións anteriores ao ano 2013".

"Por tanto, a ministra admite que a todas as concesións no litoral, tanto as que xa teñen a súa prórroga extraordinaria concedida como as que poden aínda solicitala, se lles reduciría o tempo correspondente", apunta a Xunta. Xunto a isto, o Goberno galego afea que Teresa Ribera menospreza os ditames da Asesoría Xurídica da Xunta e do Consello Consultivo de Galicia ao afirmar que non vai considerar ningún xuízo de valor previo á aprobación da lei "emita quen o emita".

En contraposición, o Ministerio traslada que "a Xunta interpreta erroneamente a carta da vicepresidenta". "Nesta carta en absoluto se fai referencia á eliminación da prórroga extraordinaria, simplemente porque non se elimina", asevera. "Ao que se fai referencia é ao prazo de 75 anos como a máxima duración total posible das concesións (incluído o prazo inicial e todas as súas prórrogas), sen prexuízo de que, unha vez finalizado este, poida solicitarse unha nova concesión", insiste o Ministerio para a Transición Ecolóxica.