CRTVG

Buscar

Goberno e sindicatos ultiman unha suba de 15 euros do salario mínimo

Publicado o 16/09/2021 20:01

Continúan as chamadas e os intercambios de documentos entre Goberno e sindicatos para pactar unha suba do salario mínimo que algúns medios daban xa por feita: esas informacións cifraban o incremento en 15 euros, no rango medio do arco aconsellado polo comité de expertos consultado polo executivo. Tamén se apuntou a que a suba tería efectos retroactivos desde o 1 de setembro. Pero a vicepresidenta Calviño di que, de momento, non hai acordo: "A miña información máis recente é que non había ningún acordo ao respecto, que está habendo distintas conversacións e nos vindeiros días teremos que tomar a decisión con respecto á suba do salario mínimo profesional no que queda de ano".

E non hai acordo porque os sindicatos queren compromisos dunha segunda suba en xaneiro para levar o salario mínimo aos mil euros e ao 60 % do salario medio en 2023.

Para Unai Sordo, secretario xeral de CC OO, "se non se expresa esa vontade, o acordo só en 2021 xa adianto que non se produciría".

No acordo non está a CEOE. O seu presidente, Antonio Garamendi, cre que a suba do salario mínimo xerará desemprego e máis economía somerxida. A patronal si participa nas conversas para prorrogar os ERTE, que expiran a final de mes. Sindicatos e empresarios queren levalos ata o 31 de xaneiro. O executivo propón ligalos a compromisos coa formación dos traballadores.

José Luis Escrivá, ministro de Inclusión e Seguridade Social, explicou que "ese esforzo de formación de calidade e orientado á mellora das súas habilidades ten que ser un elemento adicional e central no novo esquema que se inicie".

Escrivá explicou que quedan 253.000 traballadores acollidos a ERTE, un 7 % dos que había no peor momento da pandemia.

Noticias web

16/09/2021