CRTVG

Buscar

Goberno e sindicatos pactan subir o salario mínimo a 965 euros desde setembro

Publicado o 16/09/2021 20:57
Goberno e sindicatos pactan subir o salario mínimo a 965 euros desde setembro
EFE

O Ministerio de Traballo e os sindicatos UXT e CCOO pecharon este xoves un acordo para subir o salario mínimo interprofesional (SMI) desde o 1 de setembro 15 euros mensuais, ata situalo en 965 euros brutos.

O Goberno e os sindicatos comprométense ademais ao cumprimento do obxectivo de situar o SMI no 60 % do salario medio, "mediante a súa progresiva revisión en 2022 e 2023", sen engadir máis detalle sobre esa senda, aseguran nun comunicado conxunto. A contía acordada correspóndese co valor medio da pinza recomendada en xuño pasado pola comisión asesora para a análise do SMI, que foi de entre 12 e 19 euros para 2021, subliñan.

O ditame da comisión propoñía alcanzar, progresivamente, un máximo de 1.049 euros mensuais en 2023. Os 15 euros mensuais que aplicarán desde setembro equivalen a unha alza do 1,57 %, similar á suba media que se está pactando nos convenios colectivos (1,54 % ata xullo).

A suba, que podería aprobarse no próximo Consello de Ministros, é resultado da mesa específica de diálogo social que empezou o 1 de setembro e da que se descolgaron as patronais CEOE e Cepyme, contrarias a adoptar unha nova suba do salario mínimo neste momento. As organizacións de empresarios consideran que pode prexudicar a creación de emprego e fomentar a economía mergullada.

Os asinantes do acordo destacan pola contra que "o SMI supón unha garantía de protección ás rendas do traballo das persoas traballadoras máis vulnerables e actúa como un importante factor de equidade ademais de ser unha ferramenta fundamental para loitar contra a pobreza laboral". Só UXT valorou o acordo de momento e destacou que se produce nun contexto de dificultade, coa repunta da inflación ao 3,3 % en agosto e as subas "desmesuradas da luz", dixo o vicesecretario xeral de política sindical Mariano Hoya en declaracións remitidas aos medios.

"Para nós é moi positiva, pero queda no camiño cara a ese compromiso que ten o Goberno de alcanzar o 60 % do salario medio (...) Consideramos que no 2022 debe haber unha subida e a UXT esixiremos ao Goberno que esa subida se sitúe nos 1.000 euros", afirmou Hoya. UXT anima o Goberno a ser valente e convocar a mesa de negociación para que o 1 de xaneiro de 2022 o salario mínimo estea xa en 1.000 euros.

Noticias web

16/09/2021