CRTVG

Buscar

Goberno e Generalitat reuniranse cada mes alternativamente en Madrid e Barcelona

Publicado o 27/02/2020 08:44

Goberno e Generalitat reuniranse cada mes alternativamente en Madrid e Barcelona. Tras tres horas de xuntanza na Moncloa, os equipos do Executivo e do Govern pactan un comunicado en que se comprometen a que calquera acordo que se tome nesa mesa bilateral se formulará, din literalmente, no marco da seguridade xurídica. 

Constituída oficialmente a mesa bilateral sobre Cataluña, Goberno e Generalitat selan o inicio do diálogo político para os vindeiros meses. Tras tres horas de reunión na sala Tàpies da Moncloa, non se tomaron acordos concretos, pero ambas as partes acordan, din no comunicado conxunto, que as reunións serán mensuais para buscar unha solución a un conflito que, coinciden, é de natureza política. Tamén pactan que calquera acordo que se adopte se formulará no marco da seguridade xurídica.

Esta primeira reunión presidírona Sánchez e Torra. A partir de aquí, delegan a negociación nos respectivos grupos de traballo. Cada seis meses reunirase a mesa en pleno para facer balance. Na sala de prensa que usa o Goberno, o presidente catalán salientaba as discrepancias e distancias que se evidenciaron neste primeiro encontro.

Quim Torra, presidente da Generalitat: "É un conflito que se basea no exercicio de dereito á autodeterminación e na amnistía. Non tivemos por parte do Goberno español unha resposta a esta posición e, por tanto, seguimos sen coñecer a resposta do Goberno de España ao conflito político catalán".

A pesar diso, Torra asegurou que o Govern non se erguerá da mesa e tamén dixo que desvincula as negociacións políticas doutros asuntos externos a ela, como as eleccións catalás ou a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado.
Pola súa parte, o Goberno fala da necesidade de reconstruír pontes usando fórmulas imaxinativas e respostas creativas, en palabras da voceira do Executivo, que tamén instou a abandonar posicións maximalistas.

María Jesús Montero, voceira do Goberno: "As posicións están afastadas e non son nada coincidentes. O diálogo é máis necesario ca nunca por iso.  Somos todos moi conscientes de que é unha negociación complexa, moi complexa, e por tanto non esperamos froitos a curto prazo. Querer insistir, ter perseverancia, buscar e determinar cales son os puntos de encontro".

O Goberno reafirmouse no rexeitamento á figura do mediador que reclaman os cataláns e en que a autodeterminación e a amnistía non collen na Constitución. A vindeira reunión da mesa de diálogo será en Barcelona o mes que vén.

Noticias web

27/02/2020