Goberno e Generalitat retoman a negociación bilateral
Goberno e Generalitat retoman a mesa de diálogo coa primeira reunión desde 2018. Será unha mesa técnica á que asistirá a ministra de Política Territorial, por parte de Moncloa, e o vicepresidente Jordi Puigneró, por parte do Govern.
Na axenda da reunión non está previsto falar de autodeterminación e amnistía, senón de competencias. O Govern catalán vai reclamar 56 traspasos pendentes e máis recursos para prestacións sociais e infraestruturas.
Desde a oposición pídenlle ao Goberno que explique de que van tratar nesa reunión. A convocatoria de hoxe levanta máis suspicacias aínda tras a ausencia do presidente catalán Pere Aragonés na Conferencia de Presidentes do venres en Salamanca.
Nesta reunión entre Goberno e comunidades fixéronse patentes as desavinzas respecto á repartición dos fondos europeos, que abordará esta mañá, ás once e media, a ministra de Facenda cos seus homólogos autonómicos na reunión da Conferencia Sectorial do Plan de Recuperación, á que si asistirá o representante catalán. Desde o PP acusan ao Goberno de ningunear as comunidades.
Está previsto que nos vindeiros días se publiquen dúas ordes ministeriais para definir a repartición das axudas.