CRTVG

Buscar

O Goberno e as comunidades reúnense hoxe para perfilaren as restricións no Nadal

Publicado o 09/12/2020 09:00

Goberno e comunidades autónomas reúnense esta tarde no Consello Interterritorial de Saúde para avaliaren a situación tras a ponte da Constitución e coa vista posta no Nadal. Algúns gobernos rexionais acudirán con propostas concretas sobre as restricións que cómpre aplicar nestas festas. Sobre a mesa, tamén estará o programa de vacinación e a posibilidade de que as farmacias poidan prover tests de anticorpos. 

A evolución da pandemia en España, que continúa á baixa na maioría das comunidades autónomas, centrará a reunión do Consello Interterritorial de Saúde en que se van definir as restricións definitivas para este Nadal. Para iso analizarase o sucedido nesta ponte da Constitución, que era a proba de fogo previa para vaticinar como poderían ser as festas. As aglomeracións que se viron estes días nas grandes cidades españolas aumenta a preocupación polo efecto que pode ter o Nadal e o que pode vir despois.

Nestes catro días de festivo ninguén quixo perder a neve na serra de Madrid, onde chegou a haber colapso con tanto coche. Moitos aproveitaron para adiantar as compras do Nadal, inda que houbese que aturar ringleiras coma estas en Barcelona ou Valencia.

Pero máis alá do que se faga nas rúas e ao aire libre, que aparentemente ten menos risco, preocupa como se celebrarán as comidas e as ceas no Nadal. E nese sentido, algunhas comunidades van levar propostas concretas á reunión do Consello Interterritorial para matizar as medidas xa anunciadas polo Goberno. Por exemplo, Murcia. O Goberno rexional quere que se limite a entrada aos familiares, e nada de achegados. Este punto compárteno tamén Galicia e Andalucía. Euskadi decidirá hoxe se flexibilizan as restricións e se suavizan as que lle afectan á hostalería, pechada desde hai semanas.

O outro punto que estará sobre a mesa do Interterritorial: os tests de anticorpos que van estar dispoñibles nas farmacias. A Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas xa advertiu que esas probas rápidas non serven e non deber ser utilizadas para diagnosticar a infección. A Comunidade de Madrid pediulle ao Goberno que lle permitan facer os tests de antíxenos nas farmacias. O Executivo central pediulles ás comunidades autónomas interesadas que presenten unha estratexia para realizar estas probas e, se cumpren as medidas de seguridade, darlle o visto e prace.

Noticias web

09/12/2020