CRTVG

Buscar

O Goberno e as comunidades, agás Madrid, avogan por manter o peche autonómico en Semana Santa

Publicado o 03/03/2021 19:35

O Ministerio de Sanidade tratará nesta próxima semana, ata o mércores, de conseguir o consenso coas comunidades autónomas para unha resposta homoxénea e unánime de medidas para a Semana Santa a fin de evitar o aumento dos contaxios e o comezo dunha cuarta vaga da pandemia.

Será este xoves cando a Comisión de Saúde Pública fará as súas propostas sobre este plan de Semana Santa, segundo avanzou a ministra de Sanidade Carolina Darias na conferencia de prensa posterior á reunión do Consello Interterritorial, na que quixo deixar clara esta mensaxe: "O noso obxectivo segue sendo salvar vidas, non salvar semanas".

Así, a Comisión ten previsto acordar unha proposta en relación ás actuacións que seguirán as comunidades autónomas en Semana Santa para que a Interterritorial poida ratificalas o vindeiro mércores, que, a xuízo de Sanidade, deben vertebrarse en medidas que limiten a mobilidade e os contactos sociais, que son as que "inciden" en evitar a propagación do virus.

Darias confiou en que o vindeiro mércores a proposta da Comisión estea "suficientemente madura" para adoptar unha decisión e desexou que se tome por unanimidade, a pesar de que xa hai comunidades autónomas, como a de Madrid, que se mostraron partidarias de seguir sen peche perimetral.

Neste sentido, a ministra dixo que non cesará no seu empeño de conseguir unha decisión unánime e homoxénea entre todas as autonomías. "O noso obxectivo é que en ningún caso volvamos a unha cuarta vaga. Non podemos permitilo. É o obxectivo compartido; a idea seria ir a unha declaración de actuacións coordinadas", abundou Darias, que lembrou que se o aproba a Interterritorial sería de obrigado cumprimento. 

Cataluña mostrouse partidaria de manter o peche perimetral da comunidade autónomas. Pola súa banda, Galicia tamén expresou a súa vontade de manter o confinamento perimetral da autonomía durante a Semana Santa, aínda que espera a evolución dos datos. Algo parecido pronunciou Andalucía, que pediu cautela e manter medidas con peche perimetral da Comunidade.

Cantabria, A Rioxa, Murcia, Aragón, Castela-A Mancha, as Canarias, Navarra, Estremadura, asa Baleares e Melilla, entre outras, apostan polo acordo para Semana Santa.

Só Madrid defende abertamente manter a mobilidade. A súa presidenta foi tallante ao dicir que "os peches non serviron para nada".

Noticias web

03/03/2021