CRTVG

Buscar

Goberno e axentes sociais chegan a un preacordo para regular o teletraballo

Publicado o 22/09/2020 10:55

Goberno, sindicatos e empresarios alcanzaron na tarde deste luns un preacordo para regular o traballo a distancia no sector privado, despois dunha reunión maratoniana que arrincou ás 11:30 horas desta mañá, segundo informaron fontes da negociación.

CEOE e Cepyme e os sindicatos CCOO e UXT someterán mañá á consideración das súas organizacións o preacordo alcanzado co Ministerio de Traballo para a súa ratificación, segundo as mesmas fontes, que apuntan que o texto se aprobará mañá no Consello de Ministros.

A patronal sinalou que se superaron os obstáculos que distanciaban as partes do acordo, e que estas informarán e solicitarán a ratificación dos seus órganos de goberno á primeira hora da mañá. De feito, a CEOE convocou o seu Comité Executivo para as 9:00 horas deste martes. As partes aínda están a perfilar o texto definitivo que irá ao Consello de Ministros.

O que parece que se mantén, segundo as fontes consultadas, é que se considere regular, e por tanto estea incluído nesta nova lei, aquel que alcance o 30 % da xornada semanal. É dicir, se se traballan cinco días á semana, terase que traballar máis dun deses cinco días para considerar que se fai traballo a distancia regular.

 En termos xerais, o traballo a distancia será voluntario e reversible. A futura lei distingue entre traballo a distancia (actividade laboral desde o domicilio ou o lugar elixido polo traballador, con carácter regular), teletraballo (traballo a distancia realizado exclusivamente ou de maneira prevalecente por medios e sistemas informáticos ou telemáticos) e traballo presencial (o que se presta no centro de traballo ou no lugar que elixa a empresa).

Os empregados que traballen a distancia terán os mesmos dereitos que os presenciais e non poderán sufrir prexuízo das súas condicións laborais, incluíndo retribución, estabilidade no emprego, tempo de traballo, formación e promoción profesional.

Este preacordo coincide no tempo coa firma, hoxe mesmo, do acordo ao que chegaron tamén os sindicatos de funcionarios (CCOO, UXT e CSIF) para regular o teletraballo no sector público. Con todo, este non se aprobará no Consello de Ministros de mañá, senón no da próxima semana, segundo confirmaron fontes do Goberno.

Noticias web

22/09/2020