CRTVG

Buscar

Goberno e axentes sociais non se poñen de acordo na suba do salario mínimo

Publicado o 06/09/2021 17:06

EFE / Ministerio de Traballo e Economía Social

Os sindicatos pedían subir o salario mínimo polo menos 25 euros, o Goberno ofrecía entre 12 e 19 e a CEOE opúñase a tocalo este ano. Ningunha das partes cedeu e a que debía ser a xuntanza definitiva rematou sen acordo.

Fontes sindicais din que seguirá habendo contactos informais, pero Traballo cre que, tras 9 meses de diálogo social, o asunto está máis que falado."A min gustaríame que houbese acordo, pero se non o hai, o que houbo foi diálogo social", salienta a ministra Yolanda Díaz. 

Díaz criticou a patronal por opoñerse a subir o salario dos traballadores máis vulnerables ao tempo que acepta incrementos para os acollidos a convenios. Tamén os sindicatos esperan que os empresarios rectifiquen."Creo que a patronal ten tempo aínda de non romper o consenso social dos últimos anos do SMI", aseguraba Pepe Álvarez, secretario xeral da UXT 

A entrada en vigor da eventual suba fixo aflorar outra pugna entre Traballo e Economía: o equipo de Yolanda Díaz quere que teña efectos retroactivos desde o un de setembro. Pero Nadia Calviño prefire "que ese aumento poida aplicarse para outubro, novembro e decembro deste ano"

Traballo si confirmou que a decisión non se aprobará no Consello de Ministros deste martes.
 

Noticias web

06/09/2021