Goberno e axentes sociais negocian contra o reloxo a prórroga dos ERTE
Da negociación actual sobre a prórroga dos ERTE por forza maior depende o futuro de moitos negocios. En Santiago 90% da hostalería chegou a estar en ERTE e precisan seguir tendo esa opción, porque a situación está lonxe de normalizarse.
En toda España actualmente seguen en ERTE 700.000 persoas. Segundo os cálculos dos empresarios, a última proposta do Goberno cubriría 200.000. Quedarían fóra medio millón, ao non pertencer aos sectores considerados máis vulnerables.
A patronal di que non volverán á mesa de negociación ata que o Goberno renuncie a diferenciar por actividades e prime outros criterios, como a situación económica de cada empresa.
Os sindicatos si falan de avances na última reunión. Esperan estudar o documento de Traballo con detalle esta fin de semana. O acordo ten que chegar antes do martes para aprobarse no Consello de Ministros.