Goberno e axentes sociais apuran o prazo para estender os ERTE

EFE
O Goberno e os axentes sociais concluíron sen acordo a reunión deste luns para a prorrogación dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) asociados á covid−19 e apurarán o prazo, ata o 31 de maio, para sacalo adiante.
Fontes das negociacións explicaron que continuarán tratando de pechar un acordo tripartito co obxectivo de estender a protección dos ERTE ata o 30 de setembro, co esquema de exoneracións nas cotizacións sociais como principal escollo.
En UXT aseguraron que as reducións nas cotizacións á Seguridade Social son o punto de desencontro, xa que os axentes sociais queren que permaneza o actual esquema, mentres que o Goberno quere menores exoneracións para os traballadores que se manteñan en ERTE co obxectivo de incentivar a súa activación. "Seguimos defendendo que é importante manter o acordo de todas as partes implicadas", sinalaron en UXT e remitíronse ás declaracións desta mañá do seu secretario xeral Pepe Álvarez: "Sería un fracaso que o Goberno teña que prorrogar os ERTE sen acordo".
Por iso, UXT manifestou a súa intención de "esgotar as posibilidades de negociación" e, se é necesario, convocar o venres un Consello de Ministros extraordinario para aprobalo. En declaracións aos medios, a secretaria de Acción Sindical de CCOO Mari Cruz Vicente dixo que confía en que este escollo vinculado ás exoneracións "se resolva nas próximas horas, porque non hai ningunha xustificación para que o acordo total non se produza e se leve mañá ao Consello de Ministros".
A parte do acordo que incumbe ao Ministerio de Traballo está consensuada, aseguraron as fontes. "Só falta o compromiso do Ministerio de Seguridade Social, polo que esperamos que isto se solvente con prontitude e dar así seguridade e certeza aos traballadores e empresas", engadiu Vicente. "De non ser así, alguén terá que asumir esta irresponsabilidade e, desde logo, non seremos nós", deixou claro a portavoz de CCOO.