Goberno e axentes sociais tratan hoxe a evolución do salario mínimo
En xaneiro deste ano acordouse unha suba do SMI de máis do 22 %
O Ministerio de Traballo trata hoxe coa patronal e cos sindicatos a evolución para 2021 do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), actualmente en 950 euros brutos en 14 mensualidades.
A ministra de Traballo Yolanda Díaz xa apuntou nos últimas días o seu rexeitamento a unha conxelación do SMI, que "non se entendería" nun contexto de subidas das pensións ou dos salarios dos funcionarios.
"Non vou dar a cantidade porque me debo á mesa de diálogo social; como todo, discutirémolo, e oxalá teñamos un acordo nesa mesa", apuntaba Díaz a semana pasada.
A ministra portavoz do Goberno e titular de Facenda María Jesús Montero dixo onte á noite que unha nova subida SMI debe ir compasada á situación económica e lembrou que o país está "en metade dunha pandemia sanitaria".
En CCOO avanzaron que non aceptarán a conxelación do SMI e lembraron o compromiso do Goberno de elevalo ao longo da lexislatura ata o 60 % do salario medio, uns 1.100 euros.
O secretario xeral de UXT Pepe Álvarez avogou por subir o SMI "ao redor dos 1.000 euros" en 2021, o cal supoñería un incremento de arredor do 5 %.
Pola contra, a CEOE sinalou que o momento actual non é "o máis idóneo" para un novo incremento do SMI, despois de que en 2019 se materializara a maior subida desde 1980 —un 22,3 % que o elevou a 900 euros— e en 2020 volvese aumentar un 5,5 %.
Desde a aprobación do Estatuto dos Traballadores en 1980, estableceuse a súa revisión anual, previa consulta coas organizacións sindicais e patronais máis representativas.
Desde 1982, o Consello de Ministros adoita fixar o SMI para o exercicio seguinte na súa última reunión do ano.
No espazo Bos días pulsamos a opinión do presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, e do secretario xeral de CCOO en Galicia, Ramón Sarmiento.
Sarmiento afirma que a alza do SMI "é a tónica das economías da nosa contorna e é ao que nos empraza a Unión Europea".Pon como exemplo Portugal que, dixo, baralla unha subida do SMI de ao redor do 4,5 %, e subliñou que este salario é "a referencia mínima" para a clase traballadora, "fronte á interpretación de moitos empresarios, que a toman como unha referencia de máximos".
Para o dirixente sindical a saída da crise non se pode caracterizar por xerar "unha bolsa de traballadores precarios", de forma que poidan ter condicións de vida dignas e participar na reactivación da economía "a través do consumo".
En canto á posible repercusión en emprego, Sarmiento desvincula a subida do SMI dunha hipotética caída da contratación ao manifestar que "ningún empresario vai deixar de contratar os traballadores que necesita para dar resposta ao seu nivel de actividade, de exportación ou de vendas na súa empresa".