Gloria deixa un regueiro de vítimas e danos
A borrasca Gloria semella que por fin abandona a península logo de sementar o caos na provincia de Málaga. A poboación de Campanillas tenta volver a normalidade pero os danos neste distrito da capital son importantes. O concello abriu alí unha oficina pola que xa pasaron douscentos afectados.
Caravana de limpeza polo centro de Campanillas. As rúas deste distrito da capital continúan cubertas de lama. Tamén o centro de saúde, o instituto e dúas escolas. A tromba de auga tampouco respectou os baixos comerciais onde os danos son cuantiosos. Algúns coches continúan amoreados, outros aboian en medio da lama en garaxes ou leiras. Nas vivendas particulares, utilizan todo o que teñen a man para limpar a desfeita. O concello de Málaga abriu unha oficina no lugar para atender a veciñanza. Ata o momento xa pasaron por alí duascentas persoas afectadas.
Os asolagamentos tamén obrigaron varias familias a abandonar as súas casas e buscar a axuda dalgún parente. Ademais, o concello tivo que realoxar dúas persoas, unha nun hostal e outra nunha residencia de maiores.
Canda Andalucía, padeceron a furia do Gloria en Murcia, nas Baleares, Valencia, Cataluña e Aragón. Á espera de pechar o seu tráxico balance, o paso do temporal polo Levante deixou, de momento, trece mortos, catro desaparecidos e danos millonarios. Tras unha semana caótica e de illamento, en Teruel preocupa o desxeo e ven lonxe a recuperación da normalidade.
O alcalde de Valderrobres afirma que hai veciños que perderon o seu medio de vida. "Afundíronselles as granxas, que é do que viven eles e os seus fillos... e a verdade é que te sentes moi triste", asegurou.
No interior castellonenco, o Maestrazgo permanece agora cuberto por unha extensa torada de neve, mentres na franxa litoral de provincia piden axudas para a súa reconstrución. Máis fartos, tras a sucesión de temporais dos últimos anos, na Manga do Mar Menor manifestáronse reclamando solucións xa.
Mario Ginés, alcalde de Los Alcázares, dixo que levaban así desde o ano 2016: "Son xa tres anos, cinco inundacións, e sen dúbida non podemos seguir agardando por esa boa fe das administracións que ata o momento non demostraron", engadiu.
Máis ao norde, en Badalona foron centos os voluntarios que hoxe dedicaron a xornada a limparen as praias de todo o que o temporal e o mar acabou depositando na ribeira. En Eivisa, un helicóptero de Salvamento Martítimo sobrevoou o seu litoral á busca dun desaparecido, de momento sen resultados.