CRTVG

Buscar

"Gloria" deixa xa un morto en Asturias e obriga a pechar o aeroporto de Alacante

Publicado o 19/01/2020 17:45

• Alerta vermella por vento, chuvia, neve e ondada na Comunidade Valenciana e as Baleares | Unha vintena de provincias, en aviso laranxa

Aviso laranxa na costa da Coruña por fortes ventos e ondada o luns

A borrasca Gloria causou a morte dun home, que foi atropelado por un vehículo en Asturias debido á neve, que xa cae en diversos puntos de España creando problemas na circulación, mentres que a previsión de choiva e vento levou a pechar o aeroporto de Alacante. O suceso produciuse na vertente asturiana do porto de San Isidro, unha das zonas en aviso laranxa por nevaradas de ata 20 centímetros, do mesmo xeito que na veciña Cantabria.

O accidente, ocorrido esta mañá na AS-112, a uns dous quilómetros da estación invernal de Fuentes de Inverno, custoulle a vida a un home de 44 anos que poñía as cadeas ao seu vehículo cando foi atropelado por unha furgoneta que baixaba do porto e perdeu o control pola neve.

Aviso vermello

O temporal de choiva, neve, vento e ondas puxo en alerta vermella a Comunidade Valenciana e as illas Baleares, mentres os avisos laranxas se reparten por unha vintena de provincias, segundo os datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet). Polo momento, os principais inconvenientes está a causalos a neve e espérase que vaia a máis nas primeiras horas deste luns, cando os avisos vermellos se estenderán por neve a Teruel e por fenómenos costeiros ao litoral do norte de Cataluña.

En Asturia e nos Picos de Europa continúan en aviso laranxa por nevadas por riba dos 800 metros. Non hai ningún porto de montaña pechado pero é obrigatorio usar cadeas.

Tamén no Cantábrico, en Euskadi, e en Navarra continúa nevando dende a maña do domingo en cotas superiores aos 600 metros. No terzo oriental e central da península, en Aragón e tamén en Castela-A Mancha as nevaradas están sendo copiosas. Como xa está nevando por riba dos 400 metros, e ata por riba dos 300, estanse acumulando toradas de ata dez centímetros. En Aragón hai seis tramos de estradas que requiren o uso de cadeas.

Como prognosticou a AEMET, "Gloria" está deixando neve no interior e no norte da Comunidade Valenciana, imaxes atípicas ás que se quixeron achegar veciños das vilas máis próximas que nalgúns casos colapsaron algunhas estradas.

Na comarca del Ports, nos portos de montaña de Torremiró e Querol cómpre usar cadeas. E "Gloria" recruará nas vindeiras horas con máis neve e sobre todo con máis acumulación de xeo e neve en zonas nas que non é habitual.

Pechan o aeroporto de Alacante

A neve empezou a caer no interior de Castellón, onde os bombeiros tiveron que intervir para asistir varios vehículos atrapados, aínda que as nevadas máis copiosas da Comunidade Valenciana, de ata 40 centímetros, espéranse no interior de Valencia e Alacante. Por precaución e ante as previsións de choivas e fortes ventos decidiuse o peche operativo do aeroporto internacional de Alacante-Elxe, desde as 13.00 horas deste domingo ata a mesma hora do luns, segundo AENA.

O peche afectará a 190 voos programados, aínda que se tratará de reprogramar unha parte a outros aeródromos próximos a Alacante, cuxo aeroporto non recuperou toda a normalidade despois do incendio ocorrido o mércores pasado nunha das cubertas das zonas de embarque. Pola súa parte, as compañías piden aos pasaxeiros que consulten o estado do seu voo e que non se dirixan á terminal.

Temporal no mar

E outro efecto deste temporal está a ser o vento e a chuvia. Os refachos do norte e nordés que sopraron xa durante a tarde chegaron aos 100 quilómetros por hora e as ondas previstas para estes días poden acadar os 7 metros na costa da Comunidade Valenciana, Cataluña, Eivisa e Formentera. De feito, Barcelona e Xirona están en risco extremo por forte ondada, e en Alacante e Valencia a alerta vermella está activada tanto polo vento como polo estado do mar.

Durante a tarde a chuvia afectoulles tamén ás Baleares, onde se recolleron 70 litros por metro cadrado pero poderían chegar aos 120. A Aemet advirte de que as precipitacións serán localmente fortes tamén en Alacante e Valencia e nas provincias costeiras catalás e que poden producirse acumulacións nas próximas horas e tamén mañá.

Ante a situación de alerta, en Valencia o tráfico marítimo no porto de Gandía está pechado desde primeira hora da tarde e a policía local desaloxou a primeira liña de praia da urbanización La Casbah d' El Saler, polas fortes ondas.

En Formentera, o porto de La Savina pechou as súas instalacións, co que quedan suspendidas todasas conexións marítimas desta illa con Eivisa.

O servizo de predición MeteoCat prevé que a borrasca Gloria deixe tres días de temporal en Cataluña e activou o plan básico de emerxencia. O mesmo que está activado no resto das comunidades afectadas, que piden extremar as precaucións.


Noticias web

19/01/2020